lunes, 22 de diciembre de 2025

FESTIVAL DE NADAL 2025 ... CON MOITO CONTO

 

FESTIVAL DE NADAL CON MOITO CONTO de ceip curtis

O pasado 19 de decembro, o Salón de Servizos Múltiples do CEIP de Curtis encheuse de ilusión, música, teatro e emoción coa celebración do noso tradicional Festival de Nadal.

Familias, alumnado e profesorado compartimos unha xornada moi especial na que os nenos e nenas demostraron o seu talento e o seu entusiasmo a través das diferentes actuacións preparadas para estas datas tan sinaladas.

O festival comezou coa actuación do alumnado de Educación Infantil, que interpretou a panxoliña "Xa me tardan". A continuación, o alumnado de 6º de Primaria presentou a informativa "Con moito conto", relacionada co proxecto que nos acompañou durante o curso.

Os nenos e nenas de 1º de Primaria alegraron o escenario coa panxoliña "Chegou o Nadal", mentres que o alumnado de 2º de Primaria interpretou "Unha pouca roupiña". Pola súa banda, os alumnos e alumnas de 5º de Primaria sorprenderon ao público coa representación teatral "O apagón máxico do Nadal".

A música continuou da man de 3º de Primaria, que ofreceu o musical "Contos revoltos", e o peche do festival correu a cargo do alumnado de 4º de Primaria, cun emotivo conto sonoro titulado "Un Nadal con moito conto".

Foi unha mañá chea de ledicia, convivencia e espírito nadalengo na que puidemos comprobar, unha vez máis, o esforzo e a dedicación do alumnado e do profesorado na preparación de cada actuación.

Desde o CEIP de Curtis queremos agradecer a colaboración das familias e felicitar a todos os participantes por facer posible un festival tan especial. Desexámosvos un moi feliz Nadal e un próspero Aninovo!

lunes, 15 de diciembre de 2025

TORNEO DO ESPELLO DE ODESED

 


A última sesión do club de lectura "A maxia da lectura" estivo marcada por unha actividade moi especial: o Torneo do Espello de Oesed, unha proposta inspirada no universo de Harry Potter que puxo a proba os coñecementos e a capacidade de traballo en equipo do alumnado.

Os participantes organizáronse por casas, seguindo a tradición de Hogwarts, e tiveron que superar diferentes retos relacionados coa lectura de Harry Potter e a pedra filosofal. Preguntas sobre os personaxes, os lugares máxicos, os acontecementos da historia e as curiosidades do libro permitiron comprobar o atentos que estaban durante a lectura.

Ao longo do torneo, os equipos sumaron puntos grazas á súa participación, á cooperación entre os seus membros e á súa habilidade para resolver os desafíos propostos. O ambiente estivo cheo de emoción, compañeirismo e, por suposto, moita maxia.

Parabéns a todas as casas participantes polo seu entusiasmo e pola súa gran participación nesta xornada máxica!


viernes, 12 de diciembre de 2025

LECTURAS CON LANTERNA: GRAN TORNEO DO ESPELLO DE ODESED


Chega un dos momentos máis esperados do curso:

O GRAN TORNEO DO ESPELLO DE ODESED!

Un desafío diferente, cheo de probas, inxenio… e algún que outro xiro inesperado. O alumnado participará en equipos, resolverá retos con  emoción, risas, compañeirismo… e moitas ganas de superarse.

Prepárate e non faltes á cita o vindeiro 15 de decembro ás 12:00 h, porque neste torneo, cada xogada conta.