domingo, 24 de mayo de 2026

V EDICIÓN DO CORRELINGUA NA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS




O pasado venres finalmente celebramos no CEIP de Curtis a V edición do Correlingua, unha xornada chea de deporte e moito orgullo pola nosa lingua.

O alumnado participou con grande entusiasmo nunha carreira simbólica pola defensa e promoción do galego, demostrando que a nosa lingua está moi viva entre as novas xeracións.

Un ano mais seguimos correndo pola lingua! 💙🏃‍♀️🏃‍♂️



lunes, 18 de mayo de 2026

A BALADA DOS UNICORNIOS NO CLUB DE LECTURA


O pasado 18 de maio, o alumnado de 5º e 6º de primaria reuniuse nunha nova sesión do noso club de lectura para compartir impresións sobre a novela A balada dos unicornios de Ledicia Costas. Un encontro, cheo de conversas sobre os personaxes, os misterios que agocha a historia e un mundo fascinante onde a ciencia e a maxia conviven de maneira sorprendente. Unha sesión na que o alumnado participou activamente, chea de interesantes reflexións que nos permitiu descubrir novas lecturas e gozar, unha vez máis, da maxia que nace cando compartimos libros.

Preme abaixo para ver a entrada na nosa canle de Instagram:



jueves, 14 de mayo de 2026

OBRADOIRO "PINTANDO GALIZA" PARA 3º, 4º, 5º E 6º DE PRIMARIA NA SEMANA DAS LETRAS



Con motivo da celebración das Letras Galegas, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participou no obradoiro “Pintando Galicia”, unha actividade moi especial guiada pola artista de Curtis Elvira Sánchez.

Durante a xornada, as nenas e os nenos tiveron a oportunidade de achegarse ao mundo da arte da man dunha creadora da nosa contorna, coñecendo de primeira man o seu traballo, as súas técnicas e a súa visión artística. A través da pintura, o alumnado explorou diferentes elementos que identifican a nosa terra: as paisaxes, as tradicións, a cultura e a riqueza natural de Galicia.

O obradoiro converteuse nun espazo de creatividade e expresión no que cada participante puido plasmar a súa propia interpretación de Galicia, empregando as cores e as formas para transmitir emocións, lembranzas e sentimentos vinculados á nosa identidade.

Ademais de fomentar a creatividade, esta actividade permitiu valorar a importancia da arte como medio de comunicación e coñecer o talento dunha artista local, reforzando o vínculo entre a escola e a comunidade.

As creacións realizadas amosaron unha gran imaxinación e sensibilidade, enchendo as aulas de cor e convertendo a arte nunha fermosa maneira de celebrar a nosa cultura e a nosa lingua.

Queremos agradecerlle a Elvira Sánchez a súa colaboración, a súa proximidade co alumnado e a ilusión que transmitiu durante todo o obradoiro. Foi unha experiencia enriquecedora que, sen dúbida, deixará unha pegada especial nos nosos pequenos artistas.



miércoles, 13 de mayo de 2026

PRÓXIMA REUNIÓN NO CLUB DE LECTURA

TEATRO PARA 3º,4º,5º E 6º DE PRIMARIA NA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

 


Dentro das actividades organizadas para conmemorar as Letras Galegas e grazas á colaboración do Concello de Curtis, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria asistiu na biblioteca do centro á representación teatral A Máquina do Tempo, da compañía Ghazafelhos.

Esta divertida e educativa obra transportounos a diferentes momentos da historia da humanidade da man da doutora Mon e do seu inseparable axudante Pe. Grazas á súa incrible máquina do tempo, ambos os personaxes emprenderon unha viaxe fascinante por distintas épocas e civilizacións, descubrindo curiosidades e acontecementos que marcaron o desenvolvemento do mundo.

Con moito humor, dinamismo e a participación activa do público, a representación conseguiu captar a atención do alumnado desde o primeiro momento. Ademais, algúns voluntarios e voluntarias tiveron a oportunidade de formar parte da aventura, acompañando a Pe nas súas viaxes temporais e converténdose en protagonistas da historia.

A través desta proposta teatral, os nenos e nenas aprenderon de maneira amena e pedagóxica aspectos relevantes da historia das civilizacións, ao tempo que gozaron dunha experiencia chea de risas, sorpresas e momentos inesquecibles.

Esta actividade permitiunos achegarnos á cultura e ao teatro en galego dunha forma lúdica e participativa, demostrando que aprender historia tamén pode ser unha gran aventura.



lunes, 11 de mayo de 2026

VISITA DE HARUNA CHATANI NA SEMANA DAS LETRAS LETRAS GALEGAS



No marco da celebración da Semana das Letras Galegas, tivemos a sorte de recibir no noso colexio a visita de Haruna Chatini, unha convidada moi especial que nos sorprendeu coa súa paixón e admiración por Galicia e pola nosa lingua.

Durante o encontro, Haruna compartiu co alumnado un fermoso conto tradicional xaponés, transportándonos ata o seu país de orixe a través da maxia das historias. Os nenos e nenas escoitaron con moita atención e descubriron algúns aspectos da cultura xaponesa, establecendo pontes entre dúas culturas tan afastadas xeograficamente e, ao mesmo tempo, tan próximas nos seus valores e tradicións.

A visita continuou cun momento moi especial no que Haruna demostrou o seu amor pola cultura galega. Tocou a pandeireta e tamén a gaita, interpretando pezas tradicionais que encheron o centro de música e alegría. O máis sorprendente foi escoitala expresarse en galego, unha lingua que aprendeu e que utiliza con grande respecto e entusiasmo.

O alumnado participou con interese, realizou preguntas e gozou dunha experiencia enriquecedora que nos axudou a comprender que a lingua e a cultura galegas poden traspasar fronteiras e conquistar corazóns en calquera lugar do mundo.

Queremos agradecerlle a Haruna a súa visita, a súa cercanía e o cariño co que compartiu connosco a súa historia. Sen dúbida, foi unha actividade inesquecible que contribuíu a facer desta Semana das Letras Galegas unha celebración moi especial.

Moitas grazas, Haruna, por transmitirnos que o amor pola lingua e pola cultura non entende de distancias! 💙🤍💙



TEATRO PARA INFANTIL, 1º E 2º DE PRIMARIA



Con motivo da conmemoración das Letras Galegas e coa colaboración do Concello de Curtis, o luns 11 de maio o alumnado do noso centro gozou na biblioteca dunha divertida e participativa representación teatral: Contos de Lobos?.

Nesta proposta teatral, as personaxes Mon e Pe achegáronse ao público para contar diferentes historias populares nas que os lobos son os protagonistas. A través dunha escolla aparentemente aleatoria de contos tan coñecidos como Carapuchiña Vermella, Os tres porquiños, Pedro e o lobo ou Os sete cabuxos, as nenas e os nenos convertéronse en actores e actrices por un día.

O espectáculo destacou pola súa gran interacción co público e por unha importante dose de improvisación colectiva. As alumnas e os alumnos participaron activamente na dramatización das historias, colaborando coas personaxes para dar vida aos contos e facer avanzar a trama.

Ademais da diversión, esta actividade permitiu traballar valores fundamentais como a escoita activa, a empatía, o respecto polos diferentes puntos de vista e a importancia da cooperación. A través do xogo teatral, o alumnado descubriu que a colaboración de todas e todos é esencial para construír unha historia compartida e aprender das mensaxes que transmiten os contos populares.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que encheu a nosa biblioteca de risas, creatividade e ilusión, celebrando a lingua e a cultura galegas dunha forma dinámica e participativa.



FORMACIÓN EN RADIO CON DAMIÁN ALONSO

 

O pasado 8 de maio, o alumnado de 4º e 5º de Educación Primaria do CEIP de Curtis participou nun interesante obradoiro de radio impartido por Damián Alonso quen conta cunha ampla experiencia no ámbito da comunicación, da dobraxe e da radio educativa, colaborando ademais en proxectos relacionados coa radio escolar en Galicia.

Durante a sesión, o alumnado puido achegarse ao fascinante mundo da radio e descubrir como se prepara un programa: desde a elaboración do guión ata a gravación e o uso da voz diante do micrófono. A través de diferentes dinámicas prácticas, aprenderon a importancia da comunicación oral, da expresión, da entoación e do traballo en equipo.

A actividade resultou ser unha oportunidade para os nenos e nenas para perder o medo a falar en público, potenciar a creatividade e coñecer de preto o funcionamento dun medio de comunicación tan importante como a radio, experiencia conecta perfectamente co traballo que se desenvolve arredor da nosa biblioteca escolar e das actividades de expresión oral e escrita do centro.

Unha vez máis agradecer a visita e a implicación de Damián.