viernes, 28 de noviembre de 2025

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA NO CEIP DE CURTIS

 

Durante o mes de novembro, a ciencia converteuse na gran protagonista das actividades do noso centro. Ao longo destas semanas, o alumnado participou en diferentes propostas que lle permitiron investigar, experimentar e aprender dun xeito práctico e divertido.

A robótica foi unha das actividades máis destacadas, permitindo aos nenos e nenas desenvolver o pensamento lóxico, a creatividade e a resolución de problemas mediante a programación e o manexo de diferentes dispositivos. A través dos retos propostos, o alumnado comprobou como a tecnoloxía pode axudarnos a comprender mellor o mundo que nos rodea.

A ciencia tamén chegou ás aulas a través da cociña. As receitas elaboradas polos distintos grupos convertéronse en auténticos experimentos nos que puidemos observar cambios de estado, mesturas, reaccións e transformacións dos alimentos, demostrando que a ciencia está presente nas actividades cotiás.

Outra das propostas máis vistosas foi a elaboración de maquetas do Sistema Solar. O alumnado investigou sobre os planetas, as súas características e a súa posición no universo, creando traballos cheos de detalle e imaxinación que permitiron achegarnos ao fascinante mundo da astronomía.

Con todas estas actividades, o CEIP de Curtis celebrou o Mes da Ciencia promovendo a curiosidade, a observación e o gusto por aprender. Porque a ciencia non só está nos laboratorios: está tamén nos robots, na cociña, nas estrelas e en cada pregunta que nos facemos sobre o mundo que nos rodea.

miércoles, 26 de noviembre de 2025

SAÍDA DE INFANTIL Á BIBLIOTECA PÚBLICA MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS DE A CORUÑA

 

O pasado mércores 26 de novembro todo o ciclo de infantil fixemos unha saída á biblioteca pública Miguel González Garcés de A Coruña. Comezamos a visita no salón de actos, onde Elena e Eugenio nos explicaron como funciona o sistema de préstamo da biblioteca, que pasos temos que seguir para crear o noso carné ou mesmo nos ensinaron diferentes tipos de libros que teñen na biblioteca e que podemos levar á casa.

lunes, 24 de noviembre de 2025

PLAN DE LECTURA, ESCRITURA E ACCESO Á INFORMACIÓN


Durante o presente curso 2025/26, o CEIP de Curtis está inmerso no proceso de elaboración e actualización do seu PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información), un documento estratéxico que orientará todas as actuacións relacionadas coa competencia lectora, a escritura e o acceso á información en todas as etapas e áreas educativas do centro.

O obxectivo deste plan é promover unha cultura lectora sólida, mellorar as competencias comunicativas do alumnado e potenciar o uso da biblioteca escolar como un espazo de aprendizaxe, investigación e encontro.

Para que este documento responda ás necesidades reais da nosa comunidade educativa, iniciamos unha primeira fase de diagnóstico e avaliación. Con este fin, elaboráronse diferentes cuestionarios dirixidos ao alumnado, ás familias e ao profesorado co propósito de coñecer os hábitos lectores, os intereses, as preferencias e as necesidades de cada un dos sectores implicados.

A participación de toda a comunidade educativa resulta fundamental neste proceso, xa que a información recollida permitirá obter unha visión global da situación actual do centro e servirá como punto de partida para establecer obxectivos, liñas de actuación e propostas de mellora axeitadas á nosa realidade.

Os datos obtidos contribuirán a deseñar un PLEA máis eficaz, inclusivo e adaptado aos retos educativos actuais, reforzando as actuacións vinculadas ao fomento da lectura, á produción escrita, á alfabetización informacional e ao desenvolvemento da competencia lectora en todas as áreas do currículo.

Agradecemos de antemán a colaboración das familias, do alumnado e do profesorado neste proceso de reflexión e mellora continua, convencidos de que a participación de todos e todas é esencial para construír un proxecto compartido que favoreza o éxito educativo e o gusto pola lectura.

Seguiremos informando dos avances deste proceso ao longo do curso.




 

lunes, 17 de noviembre de 2025

PRIMEIRA XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA

O club de lectura "A maxia da lectura" celebrou a súa primeira xuntanza arredor dunha das obras máis coñecidas da literatura xuvenil: Harry Potter e a pedra filosofal.

Durante a sesión, o alumnado achegouse á figura da autora J. K. Rowling, coñecendo algúns aspectos da súa vida e da creación dunha saga que conquistou millóns de lectores en todo o mundo. Tamén descubrimos curiosidades sobre o libro, os seus personaxes e o universo máxico de Hogwarts, que espertaron o interese e a curiosidade de todos os participantes.

Ademais, completamos a ficha de lectura da obra, recollendo información básica que nos axudará a seguir profundando na historia ao longo das próximas sesións.

Un dos momentos máis enriquecedores foi a posta en común das primeiras impresións sobre a lectura. O alumnado compartiu as súas expectativas, comentou os capítulos iniciais e expresou as emocións e sensacións que lles transmitiron os primeiros pasos de Harry no mundo da maxia.

Esta primeira reunión serviunos para abrir a porta a unha aventura literaria chea de misterios, amizade e maxia. Estamos desexando continuar a lectura e seguir descubrindo os segredos que agocha Hogwarts.

A aventura non fixo máis que comezar!



viernes, 14 de noviembre de 2025

COMEZA O CLUB DE LECTURA... "A MAXIA DA LECTURA"

 

Esta semana, o alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiu unha moi especial: as súas invitacións para participar na primeira sesión do club de lectura. 

Inspirándonos nas famosas cartas de Hogwarts, preparamos unhas invitacións cheas de maxia e misterio que sorprenderon aos nenos e nenas nada máis recibilas.

lunes, 3 de noviembre de 2025

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO



 

ROBÓTICA PARA EDUCACIÓN INFANTIL


A través do uso de robots adaptados á súa idade, o alumnado, mediante diferentes retos, tiveron que programar os robots para que se desprazasen por un taboleiro musical, identificando instrumentos traballados na aula.

Esta proposta permitiu combinar a expresión musical co desenvolvemento do pensamento lóxico e computacional, favorecendo ao mesmo tempo a colaboración, a resolución de problemas e a creatividade. Os pequenos e pequenas amosaron un grande entusiasmo durante toda a actividade, participando activamente e superando cada reto con ilusión.

A robótica educativa convértese así nunha ferramenta moi valiosa para enriquecer as experiencias de aprendizaxe, demostrando que a música e a tecnoloxía poden formar un excelente equipo.