viernes, 30 de enero de 2026

DÍA DA PAZ 2026


Hoxe, 30 de xaneiro, co eido do Día da Paz e a non violencia, a nosa comunidade educativa reuniuse para compartir unha xornada chea de cor, creatividade e emocións, na que reflexionamos sobre a importancia da convivencia, do respecto e da solidariedade.Durante os días previos, o alumnado participou na elaboración de fermosos paxaros e pombas de cores, símbolos universais da paz e da esperanza. Cada creación foi decorada con mensaxes, debuxos e desexos que nos lembran a importancia de construír un mundo máis xusto e amable para todas as persoas.As nosas aves enchéronse de vida grazas á imaxinación dos nenos e nenas, converténdose nunha colorida mostra do compromiso do CEIP de Curtis cos valores da paz, da tolerancia e da cooperación.

Como peche desta celebración tan especial, reunímonos todos e todas na biblioteca do centro para compartir un momento inesquecible. Alumnado, profesorado e persoal do colexio unimos as nosas voces para interpretar a canción Ama, ama, ama y ensancha el alma, nunha adaptación musical preparada con arranxos de Mónica Cano.

Foi unha xornada para lembrar que a paz non é só unha palabra, senón unha actitude que debemos cultivar dentro e fóra da escola.







 

lunes, 12 de enero de 2026

AS MOCHILAS VIAXEIRAS COMEZAN UNHA NOVA ANDAINA


Durante o curso 2025/2026, as Mochilas Viaxeiras volverán percorrer os fogares do alumnado do CEIP de Curtis para levar a lectura, a imaxinación e a ilusión máis alá das aulas. Esta actividade estará estreitamente relacionada co noso Proxecto Documental Integrado "Con Moito Conto", que nos permitirá afondar no apaixonante mundo dos contos, dos personaxes, das historias e da tradición oral. Cada mochila inclue unha coidada selección de libros, álbums ilustrados, contos e materiais pensados para compartir en familia. O alumnado levará as mochilas ás súas casas para gozar de momentos de lectura, descubrir novas historias e vivir aventuras inesquecibles a través das páxinas dos libros. Con esta iniciativa pretenderemos fomentar o hábito lector, espertar a curiosidade, desenvolver a creatividade e fortalecer os vínculos entre a escola e as familias. Ademais, as mochilas converteranse nunha excelente oportunidade para facer da lectura unha experiencia compartida e enriquecedora.
Ao longo do curso, os contos serán os grandes protagonistas do noso PDI. A través deles viaxaremos a lugares fantásticos, coñeceremos personaxes sorprendentes e aprenderemos valores que nos axudarán a crecer como persoas.
Desde a Biblioteca Escolar animamos a todas as familias a participar nesta proposta, acompañando aos seus fillos e fillas nesta viaxe lectora chea de emocións, descubrimentos e aprendizaxes.

Porque con moito conto... haberá moita imaxinación e moitas ganas de ler!