lunes, 11 de mayo de 2026

TEATRO PARA INFANTIL, 1º E 2º DE PRIMARIA


Diseño de ceip curtis
Con motivo da conmemoración das Letras Galegas e coa colaboración do Concello de Curtis, o luns 11 de maio o alumnado do noso centro gozou na biblioteca dunha divertida e participativa representación teatral: Contos de Lobos?.

Nesta proposta teatral, as personaxes Mon e Pe achegáronse ao público para contar diferentes historias populares nas que os lobos son os protagonistas. A través dunha escolla aparentemente aleatoria de contos tan coñecidos como Carapuchiña Vermella, Os tres porquiños, Pedro e o lobo ou Os sete cabuxos, as nenas e os nenos convertéronse en actores e actrices por un día.

O espectáculo destacou pola súa gran interacción co público e por unha importante dose de improvisación colectiva. As alumnas e os alumnos participaron activamente na dramatización das historias, colaborando coas personaxes para dar vida aos contos e facer avanzar a trama.

Ademais da diversión, esta actividade permitiu traballar valores fundamentais como a escoita activa, a empatía, o respecto polos diferentes puntos de vista e a importancia da cooperación. A través do xogo teatral, o alumnado descubriu que a colaboración de todas e todos é esencial para construír unha historia compartida e aprender das mensaxes que transmiten os contos populares.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que encheu a nosa biblioteca de risas, creatividade e ilusión, celebrando a lingua e a cultura galegas dunha forma dinámica e participativa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario