lunes, 27 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS: PRESENTAMOS O PROXECTO "CON MOITO CONTO ..."

 


O pasado 24 de outubro conmemoramos no CEIP de Curtis o Día das Bibliotecas, unha data moi especial para a nosa comunidade educativa e que, como xa vén sendo habitual, aproveitamos para presentar o proxecto que nos acompañará ao longo deste curso 2025/26.

Baixo o título “Con moito conto”, iniciamos unha nova aventura chea de historias, personaxes, imaxinación e aprendizaxes compartidas. A través deste proxecto, a lectura e os contos converteranse no fío condutor para descubrir, crear, investigar e gozar da maxia dos libros.

Ao longo dos próximos meses, cada grupo realizará unha viaxe diferente, adaptada á súa idade e aos seus intereses. Os máis pequenos de Educación Infantil iniciaranse no fascinante mundo dos contos clásicos en 3 anos, mentres que en 4 anos darán vida a un libro viaxeiro que medrará grazas á colaboración das familias. Pola súa banda, o alumnado de 5 anos descubrirá as posibilidades narrativas e artísticas do cómic.

No Primeiro Ciclo de Primaria, os nenos e nenas de 1º achegaranse ás inesquecibles historias de Hans Christian Andersen, acompañando personaxes que levan xeracións facendo soñar a lectores de todo o mundo. En 2º curso, a literatura e a música daranse a man para explorar contos nos que as palabras e os sons se mesturan creando experiencias únicas.

O Segundo Ciclo mergullarase en historias cheas de aventura e fantasía. En 3º de Primaria, os animais converteranse nos protagonistas de numerosos relatos, mentres que en 4º curso as bruxas, os misterios e os elementos máxicos abrirán a porta a novas investigacións e descubrimentos.

Finalmente, no Terceiro Ciclo, o alumnado de 5º afondará na riqueza das lendas galegas, descubrindo os seres, lugares e historias que forman parte do noso patrimonio cultural. E en 6º de Primaria, a etapa pecharase cun percorrido por algunhas das obras máis emblemáticas da literatura universal, entre elas O Principiño, unha historia que continúa emocionando xeración tras xeración.

Con esta presentación demos o pistoletazo de saída a un curso que promete estar cheo de lectura, investigación, creación e aprendizaxes compartidas. Porque detrás de cada conto escóndese unha oportunidade para descubrir o mundo, e este ano no CEIP de Curtis temos... moito conto que contar.





No hay comentarios:

Publicar un comentario