Mostrando entradas con la etiqueta actividades na biblio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta actividades na biblio. Mostrar todas las entradas

lunes, 18 de mayo de 2026

A BALADA DOS UNICORNIOS NO CLUB DE LECTURA


O pasado 18 de maio, o alumnado de 5º e 6º de primaria reuniuse nunha nova sesión do noso club de lectura para compartir impresións sobre a novela A balada dos unicornios de Ledicia Costas. Un encontro, cheo de conversas sobre os personaxes, os misterios que agocha a historia e un mundo fascinante onde a ciencia e a maxia conviven de maneira sorprendente. Unha sesión na que o alumnado participou activamente, chea de interesantes reflexións que nos permitiu descubrir novas lecturas e gozar, unha vez máis, da maxia que nace cando compartimos libros.

Preme abaixo para ver a entrada na nosa canle de Instagram:



jueves, 14 de mayo de 2026

OBRADOIRO "PINTANDO GALIZA" PARA 3º, 4º, 5º E 6º DE PRIMARIA NA SEMANA DAS LETRAS



Con motivo da celebración das Letras Galegas, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participou no obradoiro “Pintando Galicia”, unha actividade moi especial guiada pola artista de Curtis Elvira Sánchez.

Durante a xornada, as nenas e os nenos tiveron a oportunidade de achegarse ao mundo da arte da man dunha creadora da nosa contorna, coñecendo de primeira man o seu traballo, as súas técnicas e a súa visión artística. A través da pintura, o alumnado explorou diferentes elementos que identifican a nosa terra: as paisaxes, as tradicións, a cultura e a riqueza natural de Galicia.

O obradoiro converteuse nun espazo de creatividade e expresión no que cada participante puido plasmar a súa propia interpretación de Galicia, empregando as cores e as formas para transmitir emocións, lembranzas e sentimentos vinculados á nosa identidade.

Ademais de fomentar a creatividade, esta actividade permitiu valorar a importancia da arte como medio de comunicación e coñecer o talento dunha artista local, reforzando o vínculo entre a escola e a comunidade.

As creacións realizadas amosaron unha gran imaxinación e sensibilidade, enchendo as aulas de cor e convertendo a arte nunha fermosa maneira de celebrar a nosa cultura e a nosa lingua.

Queremos agradecerlle a Elvira Sánchez a súa colaboración, a súa proximidade co alumnado e a ilusión que transmitiu durante todo o obradoiro. Foi unha experiencia enriquecedora que, sen dúbida, deixará unha pegada especial nos nosos pequenos artistas.



lunes, 11 de mayo de 2026

TEATRO PARA INFANTIL, 1º E 2º DE PRIMARIA



Con motivo da conmemoración das Letras Galegas e coa colaboración do Concello de Curtis, o luns 11 de maio o alumnado do noso centro gozou na biblioteca dunha divertida e participativa representación teatral: Contos de Lobos?.

Nesta proposta teatral, as personaxes Mon e Pe achegáronse ao público para contar diferentes historias populares nas que os lobos son os protagonistas. A través dunha escolla aparentemente aleatoria de contos tan coñecidos como Carapuchiña Vermella, Os tres porquiños, Pedro e o lobo ou Os sete cabuxos, as nenas e os nenos convertéronse en actores e actrices por un día.

O espectáculo destacou pola súa gran interacción co público e por unha importante dose de improvisación colectiva. As alumnas e os alumnos participaron activamente na dramatización das historias, colaborando coas personaxes para dar vida aos contos e facer avanzar a trama.

Ademais da diversión, esta actividade permitiu traballar valores fundamentais como a escoita activa, a empatía, o respecto polos diferentes puntos de vista e a importancia da cooperación. A través do xogo teatral, o alumnado descubriu que a colaboración de todas e todos é esencial para construír unha historia compartida e aprender das mensaxes que transmiten os contos populares.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que encheu a nosa biblioteca de risas, creatividade e ilusión, celebrando a lingua e a cultura galegas dunha forma dinámica e participativa.



FORMACIÓN EN RADIO CON DAMIÁN ALONSO

 

O pasado 8 de maio, o alumnado de 4º e 5º de Educación Primaria do CEIP de Curtis participou nun interesante obradoiro de radio impartido por Damián Alonso quen conta cunha ampla experiencia no ámbito da comunicación, da dobraxe e da radio educativa, colaborando ademais en proxectos relacionados coa radio escolar en Galicia.

Durante a sesión, o alumnado puido achegarse ao fascinante mundo da radio e descubrir como se prepara un programa: desde a elaboración do guión ata a gravación e o uso da voz diante do micrófono. A través de diferentes dinámicas prácticas, aprenderon a importancia da comunicación oral, da expresión, da entoación e do traballo en equipo.

A actividade resultou ser unha oportunidade para os nenos e nenas para perder o medo a falar en público, potenciar a creatividade e coñecer de preto o funcionamento dun medio de comunicación tan importante como a radio, experiencia conecta perfectamente co traballo que se desenvolve arredor da nosa biblioteca escolar e das actividades de expresión oral e escrita do centro.

Unha vez máis agradecer a visita e a implicación de Damián. 

viernes, 17 de abril de 2026

CONTOAGASALLO NA SEMANA DO LIBRO



Con motivo da celebración da Semana do Libro, a biblioteca do CEIP de Curtis puxo en marcha unha actividade moi especial: o Contoagasallo.

Ao longo da semana, os nenos e nenas de Educación Primaria tiveron a oportunidade de levar para a casa un libro de agasallo procedente do expurgo da biblioteca. Estes exemplares, que xa cumpriran a súa función dentro dos fondos bibliotecarios do centro, iniciaron así unha nova viaxe cara aos fogares do noso alumnado.

A iniciativa foi recibida con gran entusiasmo, xa que cada neno e nena puido escoller libremente o libro que máis lle chamaba a atención, descubrindo novas lecturas e ampliando a súa biblioteca persoal.

Con esta actividade buscamos dar unha segunda vida aos libros, fomentar o gusto pola lectura e facer que as historias sigan chegando a novos lectores e lectoras máis aló das paredes da escola.

Porque os libros están feitos para ser lidos, compartidos e desfrutados, e non hai mellor agasallo que unha historia capaz de acompañarnos, emocionarnos e facernos soñar.

Agardamos que estes contos e libros atopen un lugar especial nas casas do noso alumnado e que continúen escribindo novas aventuras nas mans dos seus novos lectores.

lunes, 16 de marzo de 2026

SEMANA DA PRENSA


Con motivo da Semana da Prensa, celebrada do 9 ao 13 de marzo, o alumnado do CEIP de Curtis converteuse en auténtico equipo de redacción. Ao longo da semana, os nenos e nenas consultaron diferentes xornais, exploraron as súas seccións e seleccionaron aquelas noticias que lles pareceron máis interesantes e relevantes.

Cultura, deportes, ciencia, medio ambiente, sociedade ou novas locais foron algúns dos temas escollidos para elaborar o noso panel informativo, que foi medrando día a día grazas ás achegas de todos os cursos.

Na imaxe pode verse o resultado deste traballo colaborativo: unha cortiza chea de información, reflexións e actualidade que permitiu achegar a prensa ao alumnado dun xeito dinámico e participativo.

Con iniciativas como esta seguimos fomentando a lectura crítica dos medios de comunicación e o desenvolvemento da competencia informacional, aprendendo a buscar, seleccionar e valorar a información que nos rodea.

Porque ler a prensa tamén é unha forma de comprender mellor o mundo.


 

viernes, 6 de marzo de 2026

SEMANA DA PRENSA

 


Do 9 ao 13 de marzo, a nosa biblioteca sumouse á celebración da Semana da Prensa, unha iniciativa destinada a achegar o alumnado á actualidade e fomentar o desenvolvemento do pensamento crítico a través dos medios de comunicación.

Ao longo da semana, o alumnado tivo á súa disposición diferentes xornais e publicacións para coñecer de primeira man as noticias máis destacadas do momento. Ademais, cada grupo seleccionou información de distintas seccións, como cultura, deportes, sociedade, ciencia ou medio ambiente, realizando unha lectura e análise das novas que máis chamaron a súa atención.

As noticias escollidas foron expostas na cortiza da biblioteca, creando un espazo informativo compartido que permitiu descubrir a diversidade de temas tratados na prensa e promover o intercambio de opinións entre o alumnado.

Con esta actividade seguimos traballando a competencia informacional e o espírito crítico, aprendendo a buscar, seleccionar e interpretar información de maneira responsable. Unha experiencia enriquecedora que converteu a biblioteca nun auténtico punto de encontro coa actualidade.